Saturday 04 de May de 2024

O Concello achega o teatro á cidadanía coa mostra MIAT na praia de Santo Amaro


A veciñanza poderá gozar de catro montaxes gratuítas, para as que se precisará invitación, en que o clásico e o contemporáneo se combinarán con cabaré e unha obra pensada para a cativada na que será a edición máis longa

A praia de Santo Amaro acollerá do 22 ao 25 de xullo a cuarta edición da MIAT (Mostra Internacional Area de Teatro), a máis longa de todas as entregas deste festival, que terá capacidade para 300 espectadoras/es con invitación gratuíta. A mostra, que incluirá citas pensadas para o público infantil,obras de cabaré e dos xéneros clásico e contemporáneo, é unha firme aposta do Goberno de Inés Rey por achegar o teatro á cidadanía e consolidar así este evento con montaxes de natureza moi diversa. Así, o ciclo comezará o xoves día 22 co espectáculo de cabaré inspirado no cancioneiro galego “O candil”, a cargo da Escola Galega de Teatro Musical, e seguirá o 23 con “Carabela”, dos carballeses Galeatro Cía. de Teatro, unha peza construída para que as/os pequenas/os da casa e tamén as persoas adultas aprendan valores ecolóxicos. A agrupación levará unha mensaxe de conciencia ambiental sobre todo o que contaminan os plásticos que se botan ao mar precisamente a carón do Atlántico e nunha actividade en que Noite Bohemia volverá a actuar ao aire libre.

Despois de acadar un grande éxito nas sesións que a compañía ofreceu en escenarios como o castelo de Santo Antón ou o Castro de Elviña, a agrupación coruñesa representará no areal o clásico “Hécuba”, a versión da obra de Juan Mayorga. O festival pecharase o día 25 con “El salto de Leucade”, en que os vascos  Skene Teatro abordarán o amor de dúas mulleres e os pasos que teñen que dar para normalizalo. Deste xeito, o Concello segue a reforzar o seu apoio á cultura neste caso, co incentivo que supón para a veciñanza o feito de poder desfrutar do teatro coa cidade como pano de fondo. As persoas interesadas poden reservar o seu convite a través da web corunacultura.sacatuentrada.es